Festival dos Abrazos, creacción en aberto

Ao igual que na primeira edición, as prazas, rúas, parques e xardíns de Compostela son os protagonistas do Festival dos Abrazos. Espazos para redescubrir á luz dos diálogos que con eles establecen as creacións artísticas.

Campo aberto

É poñer un pé na herba e esquecer. Quedan ás costas os sons da cidade, as carreiras, os berros, o balbordo constante do tráfico e a xente. Ábrese diante o verde que resiste como resistiu sempre, os susurros das follas, os segredos que agocha o vento entre as árbores. Vólveste cómplice de quen camiña coma ti, enchendo os zapatos de terra, mollando os pés coa auga que enchoupa o céspede de mañá, e respiras, e lembras que ti tamén es terra, e árbore, e vento, e esqueces, esqueces o que en realidade non importa.
   Textos de Paula Carballeira

Estacións de paso

Deter o tránsito nas estacións de paso. Estartelar os ollos e abrazar as pedras. Escoitar en silencio e sentir o seu alento. Abraiarnos coa súa impoñente presenza, dos seus avesíos alicerces aos monstros riseiros que moran enriba dos fumeiros. Pousar as mans sobre o seu corpo enfeitado de frisos e grilandas e, degoirados, percorrer as lenes engurras do tempo. Descifrar o seu murmurio sagrado, o nobelo de vidas que conforman o seu do pasado, o resón das voces que tamén as acariñaron. Deter o tránsito nas estacións de paso. Estartelar os ollos e abrazar as pedras. Escoitar en silencio e sentir o seu alento.
   Textos de Marcos Calveiro

Espazos íntimos

Murmura Marica Campo: "Confeso que estou tola: eu vivo no tellado da casa e cando chove bebo a chuvia que cae e dela me alimento". Así, ebrios polos tellados vivimos Compostela os que sempre a transitamos. Fuxindo do balbordo, dos eternos estranxeiros desta terra que é granito. Sobre as tellas, desafiando as alturas das miradas alleas que nos intimidan e nos lembran que esta cidade nunca será nosa. Que sempre será de quen a anda. De cando en vez, cansamos de abeirar os soños polos desaugadoiros e descendemos, ao abrigo da lúa de camelias, para buscar aqueles recunchos non profanados, secretos, nosos. Confeso que estou tola: "Porque vén ser que alobo cando a lúa é máis grande e branquiamarelea na pupila do mundo. Daquela escoito músicas de tambores e frautas e bailo cos pés nús no cavorco da noite".
   Textos de Rosa Aneiros

Séguenos en:

Créditos

Colaboran